Mensaje de error

User warning: The following module is missing from the file system: file_entity. For information about how to fix this, see the documentation page. in _drupal_trigger_error_with_delayed_logging() (line 1128 of /home/cabanas/www/includes/bootstrap.inc).

Medio Ambiente traballa na renovación da Carta de Turismo Sustentable para o Parque Natural das Fragas do Eume

Gallego

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio recordou a posta en marcha neste parque do novo servizo de atención a visitantes, que suporá un investimento de 120.000 euros para os próximos 2 anos

Beatriz Mato supervisou esta mañá as obras de mellora realizadas nun treito de medio quilómetro da Ruta Irís polo río Eume en Cabanas, que conta con novo mobiliario e sinalización e retirouse a maleza para facer transitable para todos os públicos esta senda

Ademais, a titular do departamento autonómico reiterou o compromiso co Concello de Cabanas, a través de actuacións de mellora do saneamento en Lavandeira e a mellora da accesibilidade na contorna da Igrexa de San Andrés

Cabanas, 12 de abril de 2017. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a traballar na renovación da Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS), que concede a Federación Europarc, para o Parque Natural das Fragas do Eume. Esta distinción, que caduca cada cinco anos, acredita o desenvolvemento dunha actividade turística de calidade, explicou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a súa visita ao sendeiro da ruta Irís, en Cabanas, que foi obxecto dunha actuación desenvolvida pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Xunto ó alcalde do municipio, Germán Castrillón, a conselleira de Medio Ambiente destacou o esforzo do Goberno galego por apostar polos parques e os espazos naturais, co obxectivo de que poidan ser disfrutados do mellor xeito, tanto polas xeracións actuais como polas futuras. Neste senso, lembrou a posta en marcha da Rede de Parques Naturais ou máis recentemente, o Plan de promoción e posta en valor dos espazos naturais.

Na mesma liña, recordou que xa está en funcionamento o servizo de atención a visitantes nos parques naturais de Galicia, entre eles as Fragas do Eume, que durante os vindeiros dous anos contará cun orzamento de 120.000 euros para desenvolver este servizo co que se pretende a concienciación ambiental da sociedade e a divulgación e promoción do turismo de natureza sostible. Esta actuación permitirá a contratación de persoal especializado -director e dous monitores-, que achegará valor á visita e farán máis enriquecedora a experiencia e o contacto dos visitantes co espazo natural.

Mato Otero sinalou que aos 120.000 euros do servizo de atención aos visitantes hai que engadir os case dous millóns de euros que o departamento que dirixe ten investido na conservación, divulgación e posta en valor do Parque Natural das Fragas do Eume e que son mostra do compromiso do Goberno galego coa protección e valorización deste espazo.

A mellora da ruta de Irís

A titular de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio salientou que, ademais das liñas estratéxicas postas en marcha, destacan outras actuais máis puntuais e concretas que tamén contribúen a poñer en valor os espazos naturais de cada recuncho de Galicia. Este foi o obxectivo da actuación que se acaba de rematar, que mellorou o estado de medio quilómetro da ruta Irís, polo río Eume.

Os traballos, aos que se destinaron preto de 50.000 euros, consistiron na mellora do espazo, coa roza e limpeza da maleza, o acondicionamento do camiño, a mellora da seguridade, unha nova sinalización e mellora do mobiliario, coa instalación de sete bancos de madeira e papeleiras.

Tal e como explicou, unha das claves para o fomento do patrimonio natural é o coñecemento e a valorización dos espazos naturais, porque “o que a sociedade coñece, valora e aprecia acaba sentindo como propio”.

Compromiso co Concello de Cabanas

Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio reiterou o compromiso do seu departamento co Concello de Cabanas e proba diso son as obras para a mellora da rede de saneamento municipal en Lavandeira. Neste sentido, Beatriz Mato anunciou que Augas de Galicia está a preparar a documentación necesaria para poder iniciar o antes posible as obras que suporán unha mellora na calidade das augas mediante a depuración das residuais e a optimización da rede de saneamento. Para iso, o departamento que dirixe ten previsto realizar unha inversión de 236.000 euros.

Ademais, ao abeiro do Plan Hurbe, Beatriz Mato explicou que se acondicionarán os accesos á Igrexa de San Andrés cun investimento de 100.000 euros. Con esta actuación se pretende incrementar a calidade de vida dos veciños a través da reurbanización da zona e a actualización do mobiliario urbano.

Image: