Cabanas dará a coñecer a súa oferta turística e cultural na feira do Camiño Inglés que organiza a Deputación en Betanzos

Gallego

Airiños do Frade amenizará a xornada coa súa música e as fiandeiras de Cabanas Rural Asociación de Mulleres realizarán unha demostración en directo

Cabanas, 21 de abril de 2017. Cabanas, como concello do Camiño Inglés, estará presente este sábado, 22 de abril, na feira organizada pola Deputación da Coruña en Betanzos para promocionar este itinerario xacobeo.

O evento celebrarase na praza Irmáns García Naveira e enmárcase na campaña "Primavera no Camiño Inglés" coa que a institución provincial busca divulgar os múltiples atractivos etnográficos, culturais e naturais cos que conta esta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

Unha gran senda verde atravesará o centro da praza García Irmáns, indicando a zona pola que discorre o Camiño cara a Santiago. Nos seus laterais, dúas carpas de máis de 160 metros cadrados acollerán os dezaoito postos nos que os concellos polos que pasa o Camiño Inglés (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) darán a coñecer a súa variada oferta turística, cultural e gastronómica con distintas actividades.

Na carpa central, desenvolveranse ao longo da xornada sesións de showcooking en vivo e degustacións de produtos típicos de distintos puntos da provincia da Coruña como a tortilla de Betanzos, as troitas de Oroso, o pan de Carral, a empanada de Neda, o queique de Ordes, a proia de Pontedeume ou o viño Branco Lexítimo da comarca de Betanzos, ofrecendo aos visitantes un completo percorrido gastronómico cos sabores máis característicos do Camiño Inglés.

O evento contará tamén con actuacións de música e danza tradicional a cargo das agrupacións "Airiños" de Fene, "O Castro" de Miño, "Lucero del Alba" de Neda, "Ancoradoira" de Culleredo, "Arnela" de Carral e "Airiños do Frade" de Cabanas, entre outras; así como demostracións de artesanía en vivo como as que desenvolverán as fiandeiras de Cabanas ou os ourives de Santiago de Compostela.

Image: 
Tags: