II Gala do Deporte e da Cultura

Cabanas, 1 de marzo de 2010. O Concello de Cabanas celebrou este sábado a súa II Gala do Deporte e da Cultura. Un acto co que a corporación municipal busca premiar e recoñecer o traballo realizado tanto no eido do deporte como da cultura de veciños, asociacións ou persoas vinculadas estreitamente co Concello de Cabanas. Este ano ademais aproveitouse a ocasión para facer entrega da insignia de ouro de Cabanas ó Padre José López Calo, eminente musicólogo cunha dilatada traxectoria profesional e que ten unha gran vinculación co municipio.

No ámbito da cultura, o primeiro premio recaeu en Toni García Arias, escritor, poeta e tradutor nado na parroquia de Laraxe. Ademais de ter publicado tres libros de poesía, tamén colabora con diversas revistas literarias, tanto en lingua galega como castelá, con poemas e relatos recollidos en diferentes publicacións de literatura. Recibiron unha mención especial a Asociación de Mulleres de Cabanas Rural, pola súa labor en busca da recuperación das tradicións, unha mención conxunta para os irmáns Pedro e Antonio Cabalar, logo dunha vida dedicada á música e a Silvia Costilla Abalde, pintora.

Pola súa banda, no ámbito do deporte o primeiro premio foi para Jaime Correa, que milita actualmente no club de atletismo Ría de Ferrol no Campionato Galego Absoluto, inda que por idade lle correspondería a categoría de cadete, e co que conseguiu o ano pasado proclamarse campión galego de salto de pértiga. Do mesmo xeito tamén recibiron unha mención especial Carla Xoana Botas, xogadora do Club Baloncesto Pontumio, José Pena, do Club Atletismo Sierra de Narón e Manuel Seijas e Miriam Fela, de bailes de salón.